xoves, 20 de outubro de 2016

24 de Outubro, día da BIblioteca Escolar

A "Asociación Española de Amigos del libro infantil y juvenil", en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, veñen celebrando desde o ano 1997 o Día da Biblioteca. Os obxectivos desta celebración son: concienciar á sociedade da importancia da lectura e homenaxear o labor dos bibliotecarios e bibliotecarias. Na escola, a Biblioteca Escolar debe ser entendida como "espacio de aprendizaje en el que el profesorado y su alumnado se comprometan con la lectura y la información en diversos soportes, con diferentes grados de complejidad, para construir conocimientos de los temas curriculares, del mundo y de ellos mismos" (Marco de Referencia para Bibliotecas Escolares, MEC, Abril 2011). 

Por isto, e agora que comezamos a dar estes primeiros pasos, non queremos pasar por alto unha celebración tan importante, e abriremos un pouquiño a porta para que vexades como estamos cambiando para convertirnos en espazo de encontro, lecer e investigación. 
Recibimos o agasallo do cartel conmemorativo, obra de Elena Odriozola, e do pregón orixinal de Ledicia Costas, ámbalas dúas gañadoras do Premio Nacional 2015. 

domingo, 16 de outubro de 2016

Achégase o Samaín

Xa estamos a mediados de outubro. Iso significa que se achega a festa do Samaín (que noutros sitios chaman Halloween...). Aínda que moita xente pensa que esta festa é un "invento" dos estadounidenses, na realidade é unha celebración moi antiga, e moi unida á natureza e ás estacións do ano. Nesta páxina do C.E.I.P. "Victor Sáenz" , de Mazaricos, podedes atopar unha morea de información e moitas actividades para achegarnos á primeira celebración do outono. Para ir abrindo boca, aquí vos queda este video montado pola Biblioteca do C.E.I.P. "Mestres Goldar".


mércores, 12 de outubro de 2016

Actividade na Biblioteca Pública "Ánxel Fole"


Lembrade que o vindeiro venres, día 14 de outubro, ás 18.30, poderemos disfrutar dun contacontos na biblioteca de San Pedro de Nós. O Mago Paco presenta "Divermaxia. A Illa d@s Nen@s". Recomendada para a rapazada desde os 5 aos 10 anos, e para todos os que queiran pasar un bocadiño agradable escoitando contos mentres disfrutan da maxia. Se queres saber de máis actividades das bibliotecas municipais, preme aquí.

Biblioteca Escolares, Territorio das Artes

Como ven sucendendo dende hai varios cursos, a Asesoría de Bibliotecas Escolares lanza unha proposta temática para ser desenvolvida ou adoptada en cada centro. Este ano, despois de varios adicados ao mundo da ciencia, vira a súa atención cara ao mundo das Artes. Así reza o convite: "Biblioteca escolar, territorio das Artes convida a explorar fórmulas para espertar nos lectores e nas lectoras o interese por achegarse e apreciar os produtos artísticos, pero sobre todo  a experimentar o pracer de expresarse a través da música, a pintura, a arquitectura, a danza, o teatro, a literatura, a escultura, as artes visuais (cine, cómic, fotografía, videocreacións, videoxogos)". 


O cartel promocional, que esconde un máxico segredo, é obra de Minia Regos, e ofrece un paseo simbólico polas imaxes que representan o mundo artístico. Convidamos a observalo virtualmente e tamén en directo, unha vez que estea inaugurada a nosa flamante biblioteca. 

Primeiros pasos

Aínda estamos empezando nisto da Biblioteca, pero temos moita ilusión: queremos a mellor biblioteca para a nosa escola, e vainos levar moito tempo facelo ben.  Aquí está un resumo dos primeiros pasos dados no mes de setembro.